Museo de Belas Artes da Coruña
23.03.2023 - 25.06.2023
Organiza: Xunta de Galicia
Comisario: Antón Castro, Malén Gual, Rubén Ventureira

Pablo Picasso
Maya à la poupée
1938
Óleo sobre lenzo
73,5x60 cm
Musée national Picasso-Paris
MP 170
© Photo: RMN-Grand Palais (Musée national Picasso-Paris) / Adrien Didierjean
© Sucesión Pablo Picasso, VEGAP, Madrid, 2023

Con motivo do cincuenta aniversario da morte de Pablo Picasso o 8 de abril de 2023, e no marco da Celebración Picasso 1973-2023, organizada conxuntamente polo Estado español e o Estado francés nos principais museos das cidades picassianas, a Xunta de Galicia promove esta exposición monográfica: Picasso branco no recordo azul. Debuxando o futuro.
A Celebración Picasso 1973-2023 xira ao redor dunhas cincuenta exposicións e eventos que se celebran en institucións culturais de renome de Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A conmemoración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permite facer balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante o importante simposio internacional que se celebrará no outono de 2023, coincidindo coa apertura do Centre d'études Picasso en París.
Comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira, coa coordinación xeral de Ángeles Penas, directora do Museo de Belas Artes da Coruña; a exposición desenvolverase entre o 23 de marzo e o 25 de xuño de 2023.
A exposición
Picasso iniciou a súa formación académica e asumiu a súa condición de artista na Coruña, onde viviu entre 1891 e 1895. El mesmo consideraba que a súa infancia e primeira adolescencia foran cruciais para chegar a ser o que foi. Estes anos foron exhaustivamente estudados na exposición O primeiro Picasso. A Coruña 2015, na que se daba a coñecer, desde unha mirada diacrónica, toda a súa produción coruñesa.
Picasso, branco no recordo azul analiza o carácter iniciático dos seus fundamentos estéticos no período coruñés e como estes trascenderon ao futuro. Afondarase nos temas e as súas variables iconográficas, os conceptos ou a dimensión das súas ideas e as súas precoces experiencias coa linguaxe visual.
Nesta exposición, póñense de manifesto as débedas que o prolífico creador ten con aquel período que xamais esquecería, talvez a única etapa formativa na que se sentiu feliz, fortalecido por un sentimento de liberdade e confianza en si mesmo. Ronald Penrose afirma que na Coruña xa "triunfara en relación ao seu pai e aos catorce anos estaba seguro das súas facultades e do seu criterio". Nos anos que viviu aquí foi descubrindo a cidade experimentando a través do debuxo: captou as rúas, os monumentos, as praias, os montes e as personaxes que supuxeron a orixe do futuro artista que acabaría por definir o século estético máis convulso, o Século de Picasso.
O título da exposición está extraído dun dos seus poemas, cuxos versos aluden ás cores azul e branca, que evocan unha marcada identidade coruñesa desde mediados do século XIX e que o propio Picasso chegou a identificar coa cidade na que viviu e se formou como artista. Estas cores danlle nome tamén ao seu primeiro xornal Azul y Blanco (1893).
A exposición estrutúrase en dez capítulos que obedecen a referencias de orde temática, conceptual ou de linguaxe. A súa xénese é rastrexable neste período de coruñés de formación, entre 1891 e 1895, e que haberán de permanecer, como peculiar xerme identitario no sinuoso proxecto que explicaría todo Picasso. 
Back to Top